VIVEIRO ACOLLE A CUARTA INTERFEDERATIVA DE CONFRARÍAS DE PESCADORES DO CANTÁBRICO NOROESTE

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de LUGO, consciente da importancia da pesca artesanal das nosas cofradías no sector pesqueiro, recuperou no ano 2015 as reunións INTERFEDERATIVAS para analizar e reflexionar sobre aspectos que son comúns en todo o caladeiro do Cantábrico-Noroeste, co obxectivo de aunar esforzos naqueles temas que consideramos claves para o futuro do sector pesqueiro.

A cidade de Viveiro (Lugo) acolle esta semana a cuarta “Interfederativa de Confrarías de Pescadores do Cantábrico-Noroeste”, na que participan representantes das Federacións de Confrarías de Guipúzcoa, Cantabria, Asturias, Lugo, A Coruña e Pontevedra, así como a Federación Galega de Confrarías. A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo organiza esta nova Xornada Técnica, que se celebra no Hotel Thalasso Cantábrico (Covas-Viveiro) o xoves 4 e venres 5 de outubro, para reflexionar sobre temas de interese das flotas artesanais, analizar a súa situación actual e os principais retos de futuro. Nesta edición do congreso repítese a dinámica de anteriores edicións: reunión interfederativa o xoves pola tarde e reunión de traballo conxunta entre representantes das Confrarías e as Administracións pesqueiras de España e as Comunidades Autónomas do Cantábrico na mañá do venres.

A apertura do encontro terá lugar ás 16.00h do xoves e durante a tarde os representantes das oito Federacións de Confrarías manterán unha Xornada Técnica onde farán revisión das conclusións da terceira Interfederativa, que se celebrou en Burela en novembro do ano pasado, e abordarán diferentes temas xerais e de interese común para o sector, como os descartes, as medidas técnicas, o regulamento de control ou o plan de xestión do cantábrico-noroeste.

Nesta reunión participan representantes das Federacións de Confrarías do Cantábrico Noroeste: Guipúzkoa (Eugenio Elduayen, presidente, e Miren Garmendia, secretaria), Cantabria (Miguel Fernández, presidente, e Enrique Paz, secretario,), Asturias (Juan Dimas García Acebal, presidente, e Mª José Rico Fernández, secretaria), Lugo (José Basilio Otero, presidente, Javier Sánchez e Domingo Rey, vicepresidentes, e Carmen Abad, secretaria), A Coruña (Daniel Formoso, presidente) y Pontevedra (José Antonio Gómez Castro, presidente), así como a Federación Galega de Confrarías (Tomás Fajardo, presidente, e Marita González, secretaria).

O encontro pecharase na mañá do venres cunha reunión de traballo conxunta entre representantes das Confrarías e das Administracións pesqueiras de España e as Comunidades Autónomas do Cantábrico. Nesta reunión o sector exporá ás Administracións as principais conclusións derivadas do traballo do día anterior. Está prevista a asistencia da Secretaria Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz Iglesias; a Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana; os Directores de Pesca das Comunidades Autónomas do Cantábrico: Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco; ademais doutros representantes de diferentes administracións e entidades relacionadas co sector pesqueiro.

 

ANTERIORES EDICIONES

En setembro de 2015 organizouse a primeira edición do “Congreso sobre a Pesca Artesanal” con participación das sete federacións provinciais desde Guipúscoa a Pontevedra, ademais da Federación Galega de Confrarías. Esta primeira convocatoria serviu para debater sobre cinco temas xerais: viabilidade económica, social, temas de mercado, xestión pesqueira e normativa da PPC; así como para unificar e completar a definición de “pesca artesanal” en desacordo co criterio que a UE sostén no nova PPC (relativo só á eslora da embarcación) e manifestar a nosa opinión sobre o modelo de organizacións pesqueiras e a súa excesiva micro-representatividade.

O segundo Congreso celebrouse en setembro de 2016, e centrou o debate e análise sobre catro grandes temas: asuntos do ámbito da xestión pesqueira, a aplicación da obrigación de desembarque a través da Mesa Estatal de Eliminación de Desembarques (MEED), aspectos normativos en fase de aprobación, e a aplicación do réxime de sancións na pesca. A novidade desta edición foi a incorporación dunha xornada de traballo conxunto entre os representantes das confrarías e os responsables de pesca das CCAA do Cantábrico, así como o Director Xeral de Ordenación Pesqueira da Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio (MAGRAMA).

O terceiro Congreso celebrouse os días 2 e 3 de novembro de 2017, centrando de novo o debate en diferentes temas xerais e de interese común, especialmente nos relativos á organización profesional do sector, as políticas de axudas e sancións do Fondo Europeo e a situación de determinadas pesqueiras, especialmente  pelágicos, sardiña e  atún vermello e branco. Na xa instaurada reunión de traballo conxunta entre representantes das Confrarías e das Administracións pesqueiras de España e as Comunidades Autónomas do Cantábrico o segundo día do congreso, presentáronselle as conclusións do día anterior ao Secretario Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Alberto López Asenjo; á Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana; e aos Directores de Pesca das Comunidades Autónomas do Cantábrico: Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco.